O Concello de Pontecesures anuncia a promoción durante
o mes de agosto de clases particulares totalmente de balde para nenos e nenas
de todos os niveis educativos cuxas familias teñan problemas económicos.
Con esta iniciativa se pretende garantir que todo o
alumnado, teña recursos ou non, poida acceder aos mesmos servizos durante o
verán, nomeadamente nunha época como esta de crise económica, que conleva que
moitas familias non dispoñan dos recursos necesarios para que os seus fillos e
fillas cursen clases de apoio ou de preparación dos exames de setembro.
Os docentes son un grupo de mozos e mozas que xa
remataron as súas carreiras universitarias ou están a piques de facelo, que
ofrecen os seus servizos dun xeito voluntario. Deste xeito, queda garantida a
formación en todas as materias e para todos os niveis. O concello quere
agradecer publicamente o esforzo desinteresado destas persoas, sen as que sería
imposible poñer en marcha este servizo, o mesmo tempo que anuncia que ainda
poden sumarse máis voluntarios a esta actividade.
As clases impartiranse durante o mes de agosto na Casa
do Concello, en horario de mañá, durante dous días á semana. Así mesmo, os
rapaces recibirán formación unha horas por clase.
As persoas interesadas en tomar parte destas clases
deberán acudir a Servizos Sociais, no seu horario habitual de atención ao
público, durante o presente mes de xullo, xa que as previsións do goberno local
pasan por iniciar esta actividade o 1 de agosto. No momento de cursar a
inscripción, haberá que dicir a idade do beneficiario, o curso académico e as
materias das que desexa recibir a formación de apoio ou para realizar os exames
de setembro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Se non es usuario Google, elixe "anónimo"