domingo, 24 de julio de 2016

Cen anos de palabras de “Borobó”




Xornalista, mestre de xornalistas, activista, socialista, galeguista, republicano e un defensor da liberdade. Todos estes adxectivos van vencellados dende hai xusto cen anos á figura de Raimundo García Domínguez “Borobó”. A súa foi unha vida de altos e baixos dende que veu a luz no número 28 da rúa Portorraxoi, no seu Pontecesures natal ao que sempre se sentiu vencellado. “Borobó” falecía no 2003 deixando unha historia vital e profesional como as de poucos arousáns. A Guerra Civil marcou un antes e un despois na súa existencia, dado que chegou a participar en batallas como a de Brunete. Foi nos últimos días da contenda cando decidiu sumarse ás filas do socialismo nunha defensa a ultranza da República que lle duraría ata a súa morte.
      A súa definición política nuns momentos difíciles para as liberdades costoulle unha peregrinaxe por cárceres de todo o territorio español e campos de concentración. Todas elas paradas previas á clandestinididade en donde non abandonou nunca a idea de retornar á casa.
     A vida de Borobó estivo vencellada sempre ao activismo e, sobre todo, ás palabras. A súa firma apareceu en numerosas publicacións tanto galegas como estatais ocupando un oco importante na historia do xornalismo galego. Director do vespertino “La Noche” o xornalismo da segunda metade do século XX non se entendería sen a súa figura, unida tamén a nomes emblemáticos como o de Otero Pedrayo ou o de Vicente Risco.
     Con motivo do centenario do seu nacemento Pontecesures rendeulle onte unha sentida, aínda que discreta, homenaxe. Familiares, coñecidos, compañeiros de afinidades políticas e responsables públicos participaron nunha ofrenda floral no camposanto do municipio arousán. Xusto a continuación colocaron unha placa conmemorativa na fachada da casa na que naceu. O alcalde da localidade, José Manuel Vidal Seage, e o secretario de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, participaron nuns actos nos que tamén estivo o presidente da Real Academia Galega, Alonso Montero. Unha frase na que se tilda a Borobó como “defensor das liberdades” permanecerá para sempre gravada na fachada dunha vivenda ubicada en pleno corazón de Pontecesures e que garda o xerme dun gran mestre das palabras.

domingo, 10 de julio de 2016

POUCA SENSIBILIDADE E FALTA DE PREVISIÓN NA HOMENAXE A BOROBÓ


A premura coa que se organizou o acto de celebración do centenario do nacemento de Borobó provocou que non se coidaran moitos aspectos do acto. Por unha banda, non se dispuxo dunha pequena carpa para que os presentes, entre eles, a viúva de D. Raimundo, se procurasen unha sombra. Por outra banda, non se cortou o tráfico durante a celebración do acto, o que fixo q as intervencións, entre elas a de D. Xesús Alonso Montero, presidente da RAG, foran interrompidas polo paso de todo tipo de vehículos. Por últi mo, a esperpéntica retirada da bandeira galega que cubría a placa conmemorativa cun paraguas!
En calqueira caso, foi un acto entrañable, no que se recordou a figura de Borobó, e onde se fixo o anuncio, por parte do representante da Deputación, do premio xornalístico que levará o nome do noso ilustre veciño, tal e como foi proposto polo equipo de goberno anterior.⁠⁠⁠⁠