sábado, 20 de julio de 2013

Pachi Vázquez: «Non vou ser candidato á reelección como secretario xeral. É o momento dos militantes»

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, dixo hoxe que «de acordo co que decidín o mesmo día das eleccións autonómicas, non vou ser candidato á reelección como secretario xeral do PSdeG-PSOE» para dar paso á persoa que escollan os militantes socialistas a través dun proceso de eleccións primarias.
O líder dos socialistas galegos dixo que “é o momento dos verdadeiros protagonistas deste proceso: os militantes e os candidatos. Puntualizou que os militantes escollerán por primeira vez co seu voto en urna ao seu secretario xeral e os candidatos teñen que conseguir ilusionar e fomentar a participación”

TRANSCRICIÓN DA ROLDA DE PRENSA DE PACHI VÁZQUEZ
“Bos días.

Hoxe para min é un día de satisfacción, e quero dicirlles a vostedes que veño a dar conta, e que vou cumprir cun compromiso que acadei aquí mesmo, neste mesmo lugar, a noite das eleccións autonómicas.
Comprometinme aquí mesmo a abrir un proceso de renovación na dirección do PSdeG.
Comprometinme ademais a facelo dun xeito que vai mai alá dun Congreso Extraordinario convencional.
Comprometinme cos militantes da miña organización política a traballar para que todos eles tiveran por primeira vez na historia do socialismo en toda España voz e voto en urna á hora de elixir ao seu secretario xeral marcando un camiño que estou seguro de que o socialismo en toda España seguirá nos tempos vindeiros e, seguramente, será o camiño que van a seguir o resto das formacións políticas cando haxa unha nova Lei de Partidos Políticos.
Deste xeito, ademais de convocar o que considero unha auténtica renovación, pero renovación pola base, devolvémoslle todo o protagonismo aos verdadeiros artífices desta formación política que son os nosos militantes.
O sábado día 13, o Comité Federal, en Madrid, deu luz verde a este proceso de consulta e ao proceso de Congreso Extraordinario.
Vostedes saben ben que non foi un camiño fácil, foi un camiño difícil, como tódalas novidades, pero ao final acadamos ese punto de encontro que lle da autonomía ao PSdeG para poñer en marcha este proceso innovador e verdadeiramente pioneiro en toda España.
A continuación, esta semana recorrín toda Galicia compartindo cos secretarios xerais nas provincias e cos secretarios das agrupacións locais a análise deste proceso e acadando practicamente un consenso total sobre a celebración da consulta e sobre a celebración do Congreso.
Saben vostedes que o luns formalmente comeza este proceso coa recollida de avais no que cada precandidato ten que conseguir o dez por cen das firmas para considerarse como tal.
E hoxe quero aquí, diante de todos vostedes tamén, dicir que, de acordo co que decidín a mesma noite, o mesmo día das eleccións autonómicas, non vou ser candidato á reelección como secretario xeral.
Comuniqueille por carta a tódolos cargos do meu partido esta decisión ao mesmo tempo que os invito a participar con ilusión e con ganas neste proceso de renovación pola base.
Logo de gañar un Congreso, hai ano e medio, non tería ningún sentido convocar todo este proceso para volver a presentarme eu.
O meu compromiso, que vin mantendo e que hoxe quero ratificar aquí, é o compromiso de impulsar nestes meses o proceso de renovación pola base do PSdeG.
Quero facelo con exquisita neutralidade.
Quero facelo traballando para garantirlle aos militantes e aos candidatos tódalas facilidades para que este proceso sexa un éxito.
É o momento dos verdadeiros protagonistas do cambio que se vai producir no PSdeG.
Hai dous grandes protagonistas: os militantes e os candidatos. Non fan falta intermediarios.
Por primeira vez en un proceso de selección vai ser directamente cada militante quen escolla ao seu secretario xeral. A acción dos militantes vai ser decisiva porque, primeiro cos seus avais e despois cos seus votos, van definir ao futuro secretario ou secretaria xeral do PSdeG-PSOE.
Pero tamén hai outros verdadeiros protagonistas, que son os que teñen que tomar a decisión de ser candidatos. Os candidatos que, coas súas propostas, teñen que conseguir ilusionar e fomentar a participación dos militantes neste proceso.
Temos que facelo poñendo enriba da mesa as dúas verbas que estou seguro que van marcar o futuro da política en toda España: participación e transparencia. E o PSdeG ten que ser o que ten que acadar o máximo nivel de responsabilidade para que isto sexa así.
Eu vou a traballar para garantir isto. Vou traballar ata que se celebre o Congreso Extraordinario para seguir traballando e defendendo ao PSdeG en tódolos actos institucionais e na defensa de tódalas actividades parlamentarias.
Despois fareino como parlamentario, fareino como membro do Comité Federal pero, sobre todo, fareino como algo do que me sinto tremendamente orgulloso, fareino como militante de base, sendo un mais os 11.300 militantes que ten a nosa organización.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Se non es usuario Google, elixe "anónimo"