lunes, 30 de septiembre de 2013

José Ramón Gómez Besteiro, Secretario Xeral: «Volve o PSdeG»











INTERVENCIÓN INICIAL SECRETARIO XERAL. XIII CONGRESO PSDEG-PSOE
Compañeiras e compañeiros,
Moitas grazas.
Grazas por compartir o inicio dun tempo novo. Ogallá este auditorio non tivera portas, non tivera paredes. Porque me gustaría que a mensaxe que hoxe o PSdeG lle vai trasladar á cidadanía puidese ser escoitada ao longo do país por todos os galegos e as galegas.
Porque hoxe comezamos a recuperar o futuro.
Toda a confianza que depositastes en min, toda a forza que me transmitistes, non só me produce gratitude. A vosa forza e a vosa confianza, ante todo, provócanme entusiasmo e responsabilidade. Responsabilidade á que respostarei con entrega, con traballo e con decisión á fronte do partido.
Por iso hoxe para min non é día de promesas, como Secretario Xeral, hoxe é o primeiro día dos feitos.Asumo esta Secretaría Xeral, non comoa elección do partido fronte ao compañeiro Manel, para quen pido o máis forte e sincero recoñecemento. Tampouco a asumo como o substituto de Pachi Vázquez, ao que lle quero agradecer o seu labor á fronte da Secretaría Xeral durante estes últimos anos.
Eu preséntome ante vós e ante a sociedade disposto a facer do PSdeG a única alternativa real de goberno fronte a dereita de Núñez Feijóo. Que por certo, agora tamén di que é fillo das primarias…
Vós sabedes que non foi doado chegar ata aquí. Durante este último ano vivimos un intenso debate no que xurdiron diferentes maneiras de entender o presente e o futuro do partido. Algúns quixeron ver que estabamos rotos. Pero demostramos que o partido estaba máis vivo que nunca e queremos facer del a ferramenta que debe ser ao servizo da sociedade.
Grazas por participar na primeira consulta coa militancia que se fai neste partido. E grazas por facelo aínda con máis forza que nas últimas eleccións galegas. Esa capacidade de dialogar e confluír en torno a construción dun novo proxecto colectivo xa é a nosa primeira vitoria. Unha vitoria que emana da razón máis pura que pode ter un partido: a decisión da súa militancia.
Pero non nos podemos quedar aí… E temos que seguir apoiándonos no gran avance para o funcionamento interno que supón a participación da militancia para:
Acabar coa división. Acabar coas etiquetas. Acabar cos complexos Hoxe é día de pasar páxina.
Agora toca recuperar a ilusión e traballar para facer un partido forte, renovado e cada vez máis grande. Polo tanto, a primeira grande aposta nesta nova etapa debe ser elevar o nivel de compromiso e aumentar a nosa base social. Porque canto máis apoio academos e máis consciencia colectiva da nosa tarefa teñamos, máis preto estaremos da sociedade para volver a gañar a súa confianza.
Sobre todo neste tempo no que a cidadanía, indignada, sofre orfandade política e desconfía das canles establecidas de representación institucional. Aínda que non me estraña que a xente desconfíe do avance da democracia cando o partido que goberna nin tan sequera é capaz de condenar con contundencia a ditadura franquista.
Existe un alto grado de confusión incrementado en el último año por la profusión de siglas. Para superar esta desorientación del electorado, nuestro partido deberá desencadenar una actividad intensísima de información y formación.
Habrá que estar en todos los lugares y que nos escuche todo el cuerpo electoral. Si queremos convertirnos en una alternativa real de poder, es necesario obtener un resultado tal que haga de nuevo inapelable nuestro liderazgo en la izquierda.
No somos un partido electoralista que halague demagógicamente a sus electores. Somos un partido socialista que desea transformar profundamente la sociedad en una acción coordinada junto a la de todo el pueblo trabajador, por lo que tenemos que obtener su respaldo.

Guía de campaña do PSOE nas primeiras eleccións democráticas:
1977
Profusión de siglas; desorientación do electorado; alternativa real de goberno; política sen demagoxia, liderado da esquerda, defensa de dereitos dos traballadores…
Os retos son semellantes, pero as formas deben ser diferentes.
Facer este exercicio de memoria paréceme moi ilustrativo para saber de onde vimos, o que somos, e cara onde nos diriximos.
A transición foi un período de cambios e incertezas. Pero un tempo, sen embargo, no que fomos quen de acadar compromiso, esperanza e afectos en torno ao que significaba o Partido Socialista. A sociedade de hoxe tamén está en transición. E os nosos principios seguen vixentes.
De nós depende que esta nova transición desemboque nun escenario ou noutro. Demostremos que estamos á altura dos tempos e que somos capaces de respostar ao nivel de esixencia da sociedade.
Imos cambiar as formas de funcionamento do partido para facelo máis dinámico, máis democrático e máis transparente. Pero cómpre ser conscientes de que contamos cuns valores que sempre serviron para forxar a base do noso éxito. Porque, se buscamos razóns, é certo que pesan os 134 anos de historia.
Tamén pesa a bagaxe na transformación social e económica que os gobernos socialistas acadaron para este país. Pero a nosa verdadeira forza radica nos nosos ideais.
Somos socialistas porque na vida, máis que saír primeiros na carreira, queremos que todos podan partir da mesma liña de saída. Este Partido é tan necesario hoxe como hai 30 anos.
Superar esta crise de credibilidade comeza por crer en nós mesmos. Hai que recuperar o entusiasmo, e abandonar a resignación. Deixemos a un lado o resentimento, e poñamos paixón e alegría no reto que temos por diante.
Eu creo neste partido. Creo neste partido e no que lle ten que ofrecer á sociedade galega: un proxecto político claramente definido baseado na igualdade, na xustiza social e na solidariedade. Por iso cómpre crear unha nova cultura de partido, dende a maneira de exercer o goberno ata o activismo de base. Eu quero un partido con ambición por ter éxito.
O éxito de Valdeorras, o éxito de Vigo, o éxito de As Pontes, o éxito de Pedrafita son os nosos éxitos. O éxito de todos os nosos Alcaldesque foron capaces de resistir o maremoto da dereita é o noso éxito. E o traballo de todos os compañeiros que melloran os resultados do partido dende a oposición, tamén son os nosos éxitos.
Compañeiros e compañeiras, o vindeiro éxito pasa por recuperar o goberno deste país.
Para volver a ocupar os espazos nos que sempre estabamos os socialistas é necesario recobrar a presenza no tecido asociativo, nos espazos de participación cotiás e dar sentido a que as persoas se volvan a comprometer con nós. A clave deste modelo de partido está na forza da militancia e na forza das agrupacións locais. De facelas máis modernas, de ser máis profesionais, de traballar en rede e saber aproveitar o mellor da nosa xente.
Non vos estou a propoñer empezar de cero, propóñovos empezar de novo. Sumar dentro, para sumar fóra.
Por iso quero deixar claro que a miña viaxe ás agrupacións non foi só de ida, tamén será de volta. Volverei ás agrupacións para traballar no seu fortalecemento, porque estou convencido de que a nosa recuperación ten que comezar, e vai comezar, polos concellos nas vindeiras eleccións municipais.
A nosa realidade como partido vai moito máis aló das cuestións orgánicas. A nosa realidade é a da clase traballadora, que xa non é a mesma de hai 30 anos.
Hoxe a clase traballadora son:
- Os autónomos, que non acadan crédito para pagar as facturas.
- Os empregados públicos, que xa non teñen a garantía de chegar a fin de mes.
- Os mozos e mozas preparados, sen ningunha expectativa de conseguir traballo.
- Os pais e nais de familia, sen emprego, desesperados por volver conseguir unha nómina.
- Os pensionistas, que se ven na obriga de manter a fillos e netos.
Esa clase media que está a deixar de selo pola crise.
Todas esas persoas ás que se lles está a escapar o futuro. Elas, todas elas si son os verdadeiros protagonistas do proxecto socialista.
Por eles imos construír unha proposta política útil, clara e definida para Galicia que sexa recoñecida no conxunto do Estado. Unha proposta que reforzará e que renovará a nosa identidade singular como partido galego que quere compartir un rumbo común cos nosos compañeiros do resto de España.
Un proxecto no que construamos Galicia desde cada Concello, un proxecto: galego, municipalista, á vangarda da rexeneración democrática e da loita contra a desigualdade.
Compañeiras e compañeiros,
Somos os protagonistas da terceira xeración do socialismo en democracia.
Felipe sentou as bases do noso estado de benestar. Zapatero ampliounas co recoñecemento de dereitos. E a nós, á terceira xeracióntócanos non só restituír ese legado socialista senón tamén impulsar os cambios estruturais que o Estado necesita.
Estamos a construír a terceira xeración do socialismo tamén en GaliciaO Presidente Laxe comezou a extensión dos servizos públicos para todo o país. Co Presidente Touriño a economía galega medraba por riba da media española. Agora o único que fai medrar a dereita de Feijóo é o paro, a débeda e os mozos que teñen que buscar a súa vida fóra.
Á terceira xeración dos socialistas galegos tócanos frear á dereita máis fría, máis dura e máis insensible dos últimos trinta anos. Esa dereita á que lle da igual que os mellores anos para Feijóo sexan os peores anos para os galegos. Unha dereita disposta a determinar quen somos segundo a nosa capacidade de pago. Máis preocupada de cadrar artificialmente as contas, que de atender as necesidades das persoas.
O plan de Feijóo para Galicia non se basea na austeridade, baséase na precariedade.
Unha Galicia precaria no emprego, precaria no mar, precaria no campo, precaria na industria, precaria na paisaxe e precaria na lingua.
cada día que Feijóo goberna, Galicia bórrase un pouco máis do mapa. Os galegos temos legado, temos orgullo, pero sobre todo temosfuturo. E por iso os socialistas non imos permitir que o noso país siga soportando a un Presidente que pretende ser irresponsable do seu propio desastre.
Galicianon pode esperar. O cambio de rumbo non só é urxenteé ineludible.
Porque a Galicia de dentro de dez anos estase a decidir agora mesmo: entre a crise social e económica e a política da dereita que fai dano as persoas. E consecuentemente, a renovación do PSdeG non pode ter outro obxecto que volverlle ser útil á sociedade galega.
Porque mentres uns falan de soberanía e outros de reducir deputados, nós atenderemos os problemas reais de Galicia. Problemas como odespoboamento, o envellecemento e a desocupación do territorio, problemas nos que estamos á cabeza de Europa.
Hai 150 anos Galicia representaba o 12% da poboación española, hoxe apenas chegamos ao 5% e seguimos a baixar.
A histórica debilidade do sistema produtivo galego baseado no eido agrario, traspasouse ao sector industrial e comercial, agravando enormemente este problema ao longo de décadas.
Por iso, ademais da defensa da lingua, o territorio e a cultura, o galeguismo dos socialistas defenderá un sistema produtivo propio que permitaxerar actividade económica, reter poboación e volver crecer de novo como país e como pobo. Eu négome a que os socialistas sexamosmeros receptores de impotencia para a cidadanía.
Abordaremos os verdadeiros retos que afectan a Galicia dende o compromiso, a coherencia e a responsabilidade. Non imos falar só do que sequere oír, senón do que se debe escoitar. E así, estou convencido de que esa utilidade que agardan de nós, lla poderemos trasladar non só para solucionar o problema demográfico, tamén para:
- a procura dun modelo territorial,
- para a recuperación do emprego,
- para a revitalización da industria,
- para o fortalecemento do sector público
- e para a defensa da nosa lingua e a recuperación da nosa identidade como pobo.
Alfredo, como ves, temos retos e queremos compartilos. Non atoparás neste auditorio a ninguén que non lle preocupe España. Pero tamén necesitamos que España se preocupe e a ocupen os problemas de Galicia.
Vou rematando
Compañeiros e compañeiras, Sei a que nos expoñemos, Sei a que me expoño. Son consciente de que a dereita xa puxo hai tempo a funcionar a súa maquinaria, non para rebater as nosas propostas, senón para tentar prexudicarnos persoalmente. Algúns compañeiros, poderían falar moito disto.
Lembrade: cada vez que o Partido Popular nos calumnie, é unha estratexia política para tapar as súas miserias: Esas miserias que toda España sabe e que toda Galicia coñece.
Hai tempo que a dereita desterrou a Política como medio de acadar o goberno, todos os sabemos. Pero lembrade que a dereita enchida de poder non só é soberbia, tamén é torpe.
E nós, con traballo, con responsabilidade e con POLÍTICA, seremos quen de facer que tropece.
Así que, ante cada problema que se presente, NÓS: unha solución.
Ante cada paso atrás, NÓS: dous adiante.
Ante a dereita sen vergonza, NÓS: esquerda sen complexos.
Con temperanza, sen ansiedade pero con firmeza e CON decisión.
¡A traballar! para poñer en marcha o enorme reto colectivo que temos por diante. Contade comigo porque eu xa conto con vós.
Amigos e amigas…
VOLVE O PSDEG