Alcaldes e voceiros socialistas de Políticas Sociais elaboran un manifesto no que denuncian o abandono da Xunta aos servizos sociais e o reparto partidista dos fondos destinados a dependencia
Os concellos socialistas non xestionarán as listas de espera de dependencia, ao considerar que é a Xunta a que ten que “dar a cara” ante os seus incumprimentos. Esta decisión foi recollida hoxe nun manifesto elaborado por alcaldes e voceiros de políticas sociais dos concellos galegos, despois de que a conselleira Beatriz Mato confirmase que os dependentes que están en trámite quedarán sen axudas.
A responsable de Políticas Sociais do PSdeG, Beatriz Sestayo, censurou as declaracións de Mato e sinalou que, a través deste manifesto, o socialismo galego “rexeita contundentemente este novo ataque do Goberno galego ás políticas sociais”. Do mesmo xeito, esixiu que a responsable de Benestar “rectifique” e ao Goberno galego que “modifique a súa postura de asfixia aos concellos galegos”.
Ante este novo ataque ás políticas sociais, os alcaldes e voceiros socialistas expresan neste manifesto a súa negativa a xestionar as listas de espera de dependencia “porque é a conselleira de Benestar a que lle está a negar o dereito a cobrar as axudas aos que están en tramitación. E se o Goberno galego é o que incumpre a lei, tamén debe ser o que de a cara ante os seus incumprimentos”.
Nesta liña, Sestayo denunciou que o Goberno de Feijóo se converteu “nun auténtico depredador das políticas sociais, co seu ataque aos dereitos cidadáns” e advertiu que os socialistas “non vamos a consentir a privatización dos servizos sociais e a reducción dos dereitos dos cidadáns”.
“Nos servizos públicos non hai criterios de mercado, como pretende o PP, senón de eficacia, servizo publico e máxima atención aos cidadáns”.
Avanzou que o PSdeG presentará emendas aos orzamentos en políticas sociais e que utilizará “os medios políticos e legais que sexan necesarios” para garantir o cumprimento da Lei da Dependencia.
Reparto dos fondos
“Esiximos cumprimento de todos os compromisos cos concellos, lealdade institucional e respecto á autonomía municipal, e que deixen de utilizar fondos destinados a dependencia con fins partidistas”, sinalou Sestayo.
Neste senso, a socialista esixiu unha explicación ao Goberno galego respecto aos criterios de reparto dos fondos da Lei da Dependencia. “Hai concellos gobernados polo PP que teñen un número reducido de dependentes que cobran moitos máis fondos que outros gobernados polo PSdeG co triple de dependentes”, denunciou.
“Os socialistas non descansaremos ata que as políticas sociais sexan unha realidade”, engadiu Sestayo, á vez que advertiu que “se a xunta retira os fondos da dependencia terá que dar a cara ante os cidadáns e levarémolo ante a xustiza se fai falta”.
MANIFESTO POLÍTICAS SOCIAIS
O PsdeG denuncia o cruel abandono das políticas sociais en Galicia por parte do goberno de Núñez Feijoo, un goberno depredador das políticas sociais, dos servizos públicos e da atención ás persoas.
Os e as socialistas queremos por de manifesto a necesidade de que Feijoo corrixa de inmediato as súas políticas sociais ou o Estado de Benestar corre serios riscos en Galicia.
O PsdeG esixe a inmediata rectificación do anuncio por parte da Conselleira Beatriz Mato ao afirmar que os dependentes en trámite quedarán sen axudas. Esta lamentable frase pon de manifesto a evidente intención do goberno Feijoo de abandonar a súa sorte as persoas dependentes así como de burlar unha Lei, a de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas Dependentes, na que nunca creeron. O PsdeG non o permitirá e utilizará todos os medios políticos e legais a su alcance .Ningún goberno está por riba do cumprimento da Lei.
Os socialistas esiximos que modifiquen as súas posturas de asfixia respecto aos concellos galegos, así como as continuas improvisacións, falsos anuncios, descoordinación e inexactitudes desenvolvidas polo goberno Feijoo e, sinaladamente pola Conselleira Mato, que están a causar unha permanente inseguridade sobre o marco no que se desenvolven políticas esenciais para a cidadanía e defendidas a ultranza polos socialistas como son as políticas sociais.
A asfixia do goberno popular aos concellos coloca nunha gravísima situación a políticas fundamentais para o benestar das persoas, especialmente as máis vulnerables.
Os concellos socialistas negánse a xestionar as listas de espera da Xunta en Dependencia.
O PsdeG esixe do goberno galego:
1.- Que ubiquen as políticas sociais como unha prioridade no mapa galego, e corrixan a súa deriva de abandono mantida ata a data.
2.-Que establezan líneas de respecto institucional cos concellos galegos a fin de garantir e non obstaculizar o importantísimo labor da política municipal no desenvolvemento dos servizos sociais á cidadanía e que se ven persistentemente boicoteados polo goberno Feijoo.
3.- Que se asegure a financiación aos Concellos para manter as prestacións derivadas da Lei de Dependencia e se facilite e recoñeza a labor municipal neste campo asegurando os medios materiais e humanos para que o cumprimento da Lei sexa posible.
4.- O PsdeG manifesta o seu rexeitamento ás políticas privatizadoras do goberno popular. Os servizos públicos que garanten dereitos fundamentais deben manterse fóra das regras do mercado, único parámetro, o do beneficio económico, que manexa o PP.
5.- Que se cumpla o compromiso da Conselleira Beatriz Mato, adquirido tras a petición de representantes das grandes cidades, de constituír un grupo de traballo permanente entre a Xunta de Galicia e as grandes cidades.
6.-Que se cumpla o compromiso de abono por adiantado do Plan Concertado que a conselleira Mato anunciara xa no 2009. A xestión do Plan Concertado é nefasta.
7.- Que se impulse a acción política en cuestións sociais como a pobreza, a exclusión , os menores, as drogodependencias, a inmigración, as vivendas sociais… cuestións sociais abandonadas inexorablemente polo executivo Feijoo.
8.-Que se cumplan os acordos acadados entre o goberno presidido por Emilio Pérez Touriño e os concellos en canto a infraestructuras sociais e xestión de programas.
9.-Que se respecte a autonomía municipal na toma de decisións da súa competencia asegurando a leal cooperación no canto do entorpecimento partidista.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Se non es usuario Google, elixe "anónimo"