viernes, 26 de marzo de 2010

A nosa opinión conta

Xa coñecemos as distintas obras públicas que se realizarán no concello a cargo das distintas axudas (Plan E, Plans da Diputación de Pontevedra, Xunta de Galicia, Obradoiro de emprego Pontecesures II) Cáusanos gran satisfacción comprobar que moitas das nosas propostas foran escoitadas polo Goberno municipal. Entre elas podemos falar de:
- Instalación de placas solares. Só se instalarán no pavillón polideportivo por conta do obradoiro de emprego. Sería desexable que esta actuación extendérase a outras dependencias municipais, non só polo carácter medio ambiental da medida, senón sobre todo polo aforro que supón na factura eléctrica e os beneficios que se poderían obter pola venta do excedente enerxético producido.
- Saneamento de zonas rurais. Saludamos especialmente esta medida, en canto permite, como xa comentamos en notas anteriores, disminuir as diferencias nos servizos recibidos polos veciños destas zonas respecto a os do centro da vila. A cargo do Plan E vaise levar a cabo o saneamento na travesía da Rúa do campo de Porto, como suxerimos. Sabemos que aínda hai moito que facer nesta área, e neste sentido, a actuación que se está facer no Regato da Chancela, non é en absoluto prioritaria.
- Supresión de barreiras arquitectónicas. As actuacións que se van levar a cabo no pavillón polideportivo para mellorar o acceso as persoas con minusvalías físicas van na liña do que propuxemos os socialistas.
- Instalación de badenes redutores de velocidade. Tamén comprobamos que o goberno de municipal ven de propoñer esta medida para mellorar a seguridade viaria nalgunhas rúas da vila.
- A modernización da administración municipal mediante o establecemento de procesos de xestión documental e dixitalización e outra das accións que se vai levar a cabo a conta do novo Plan E, que nos tamén suxerimos e que a bo seguro vai permitir unha maior eficiencia nos trámites administrativos a realizar polos nosos veciños e veciñas.
Sabemos da importancia destas actuacións para Pontecesures, pero creemos que o goberno municipal debe ter amplitude de miras e non limitarse a xestionar uns cartos que proveñen das diferentes administracións; e nalgún caso, como ´é o da Diputación, cunha evidente discrecionalidade, que desprende certo "tufillo" electoral.
O goberno municipal de Pontecesures non foi quen de realizar propostas máis importantes nestes tempos de crise económica. Non impulsou desde o Concello, accións encamiñadas a creación de postos de traballo estable a xóvenes e mulleres en situación de desemprego. Sabemos que no noso concello hai moitos veciños, especialmente mulleres, perfectamente formadas para dar asistencia a domicilio a persoas dependentes. Por qué, desde o Concello de Pontecesures non se promoveu a través de Plan E, como xa propuxemos, a creación dunha cooperativa para que estas mulleres, poidan incorporarse ao mercado laboral e ofrecer o seu bo facer? Esto é aínda máis lacerante cando sabemos que o pasado nove de marzo foi publicado no BOP da provincia de Pontevedra a ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar do Concello de Pontecesures. Con este regulamento, o Concello pode ter a ocasión de contratar este servizo a unha cooperativa como a que propuxemos. As iniciativas de emprego deben ser un dos piares da política municipal. Para que serven cursos e obradoiros de emprego se despois non axudamos á inserción laboral dos alumnos e alumnas que formamos?
Os socialistas de Pontecesures agradecemos o goberno municipal que tiveran en conta as nosas suxestións. É unha boa sinal; coñecemos as necesidades da nosa vila e dos nosos veciños e veciñas e sabemos como atendelas. Moitas das nosas propostas non foron contempladas polo goberno municipal. Non importa; esperamos poder ter nun futuro a confianza dos nosos veciños e veciñas para poder facelas realidade.

miércoles, 10 de marzo de 2010

Carmen Cajide, de novo no Parlamento de Galicia

Emilio Pérez Touriño, ex presidente da Xunta, renunciou esta mañán ao seu escano no Parlamento de Galicia. O seu posto será ocupado pola nosa compañera de Cuntis, Carmen Cajide, a quen desde eiquí felicitamos e lle desexamos moita sorte nesta nova andaina. En Pontecesures sabemos ben do seu esforzo e da súa capacidade de traballo, e estamos seguros que os intereses do noso concello e do conxunto da nosa comarca serán ben defendidos no Parlamento Galego coa súa presenza.

lunes, 8 de marzo de 2010

No Día da Muller

É lamentable que no día de hoxe, 8 de marzo, Día da Muller, teñamos que lamentar á decisión da Xunta de Galicia de suprimir o Servizo Galego de Igualdade. Un organismo que segundo a lei que regulou a súa creación, expresaba que éste debía existir mentres persistira calquer tipo de discriminación, e a situación actual das mulleres no mercado laboral pasa por ter unha taxa menor de actividade laboral, máis temporalidade no emprego e salarios máis baixos que os homes.

As cifras son indiscutibles. A taxa de paro en Galicia é do 11,9 para os homes, fronte ao 14,1 das mulleres; só un tercio dos pensionistas do país son mulleres; o importe das pensións que perciben (565 euros de media) é aproximadamente a metade do importe das pensións que perciben os homes, que alcanzan os 950 euros. Ademáis, o 80% dos contratos a tempo parcial son asinados por mulleres e son elas as que piden o 95% das excedencias para o coidado dos fillos.

A igualdade entre homes e mulleres estivo sempre no centro das políticas socialistas, destacando o o traballo realizado no neste ámbito polo anterior goberno socialista da Xunta de Galicia. É preciso seguir traballando nesa liña para establecer estratexias que impidan que a muller quede subordinada no ámbito laboral. Así, o actual goberno da Xunta dispón dun marco normativo potente e capaz, legado polo goberno de Emilio Pérez Touriño, e se precisa dunha vontade que o goberno galego non está a mostrar como demostra a supresión do Servizo Galego de Igualdade.

Os socialistas seguiremos loitando para acadar a igualdade real entre homes e mulleres, unha igualdade que debe conseguirse por xustiza social e por eficiencia económica, pois hoxe o maior potencial de talento e formación está nas mulleres xóvenes, e unha sociedade moderna non pode permitirse prescindir deste sector da sociedade.

En Pontecesures, en concreto, a actividade no eido da igualdade é nula; é preciso reclamar unha participación equilibrada de mulleres e homes en todos os espazos de responsabilidade local, así como a posta en marcha de accións de sensibilización necesarias para promover a corresponsabilidade de mulleres e homes no eido doméstico, a incorporación da perspectiva de xénero a todos os plans, programas e actuacións que se desenvolvan e impulsar o emprego feminino.

jueves, 25 de febrero de 2010

Visita do Subdelegado do Goberno para a provincia de Ponteveddra

Mañán venres, o subdelegado do Goberno para a provincia de Pontevedra, Delfín Fernández, estará en Pontecesures para visitar as obras realizadas o abeiro do Fondo Estatal de Investimento Local, máis coñecido como Plan E 2009, posto en marcha polo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero.

Máis de 550.000 euros foron os que o Goberno central destinou a Pontecesures, co obxectivo de crear emprego. Cabe lembrar que no conxunto da provincia de Pontevedra, este Plan deu traballo a máis de 7.000 persoas.

Meijón critica ao conselleiro de Educación por trasladar a responsabilidade de alerta meteorolóxica aos centros de ensino




Censura a emisión dunha nota na que responsabiliza aos directores de centros do seguimento da evolución da alerta meteorolóxica e a toma de decisións ao respecto.


O portavoz de Educación do Grupo Parlamentario dos Socialistas, cualificou hoxe de “literalmente irresponsable” aos conselleiros de Educación e Presidencia por trasladar a responsabilidade diante da alerta meteorolóxica aos equipos directivos dos centros. Así o dixo logo de coñecer a instrución remitida aos centros na que sinala que os directores deben facer seguimento da alerta meteorolóxica e tomar medidas ao respecto.


Meijón anunciou a presentación dunha serie de iniciativas parlamentarias diante desta actuación “totalmente inasumible” da Xunta “está a trasladar ás direccións dos centros responsabilidades que claramente lle competen aos conselleiros de Educación e Presidencia”. Así o dixo logo da nota emitida pola Dirección Xeral de Emerxencia e Interior para os días 24 e 25, que cualificou como “absolutamente rexeitable”.


Esta nota sinala textualmente que “Os equipos directivos dos centros deberán prestar especial seguimento a evolución da presente alerta meteorolóxica (segundo a información actualizada que facilita a páxina web www.112galicia.org). De selo caso, facultase aos directores/as dos centros para que, en atención ás singulares circunstancias meteorolóxicas adversas que poidan concorrer no ámbito territorial do seu centro, adopten as medidas necesarias para minimizar os efectos das mesmas”.


Meijón lembra que os responsables de seguir a evolución da alerta meteorolóxica “son os responsables dos servizos técnicos especializados da Xunta de Galicia”, mentres os conselleiros de Presidencia e de Educación son “os que deben trasladar aos centros correspondentes as instrucións precisas e inequívocas que se deriven do seguimento das condicións climatolóxicas”.


Dixo que “os señores conselleiros Rueda e Vázquez non poden de forma impune trasladar esta responsabilidade ás direccións dos centros educativos, cunha forma de actuar que non se pode consentir”. Engade que “actuacións como esta só poden servir para cualificar literalmente de irresponsables aos políticos que as adoptan”.


O parlamentario socialista lembrou que “os socialistas en ningún caso aproveitamos as condicións meteorolóxicas para tratar de sacar rendibilidade política das consecuencias que delas se poidan derivar”. Sinala que “mesmo nas recentes suspensións das clases, fundamentalmente a causa da neve, este Grupo Parlamentario actuou con lealdade trasladando unha iniciativa ao Parlamento co obxecto de que se zonificara o territorio a nivel deste tipo de alertas”.


O obxectivo era “dar unha resposta máis realista ás distintas circunstancias de cada zona, xa que calquera podía entender que as ameazas de neve na montaña interior luguesa pouco tiñan que ver coas ameazas dos pobos costeiros das Rías Baixas, por poñer un exemplo”.


miércoles, 24 de febrero de 2010

Rosa Díez "Zapatero podría ser gallego en el sentido más peyorativo de la palabra"

A líder de UPyD, Rosa Díez, utilizou o termo "galego" para insultar ao presidente do Goberno español. É a segunda vez que o fai e, polo momento, non rectificou na primeira ocasión e non pensa rectificar nesta segunda.


"Podría ser gallego en el sentido más peyorativo de la palabra". Con esta calificación se referiu Rosa Díez a Zapatero nunha pregunta do xornalista Iñaki Gabilondo. "Y de Rajoy?", preguntalle logo o xornalista. "Ya es gallego". De Aznar, Rosa Díez dixo que "le pasó el momento" e de Juan Carlos I, sinxelamente, que "es el rey".


Estas palabras provocaron xa a reacción do Consello da Cultura Galego. O secretario deste órgano, Enrique Monteagudo, xa lle pediu á política que rectifique e considerou indignante que se siga utilizando este termo que xa desapareceu dos diccionarios españois. Con todo, Díez respostou que non vai rectificar porque "todos saben a que se refería".


Galicia Confidencial, 24 de febreiro de 2010

Pose acusa ao Goberno de Feijóo de "disfrazar" os malos datos das listas de espera

O portavoz de Sanidade do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Modesto Pose afirmou hoxe que Feijoo e Farjas disfrazan en sintonía co carnaval os malos datos das listas de espera”. O deputado fixo esta afirmación logo de coñecer o acordo de xestión da rede publica sanitaria galega, asinado pola Xunta e polos xerentes do centros de Atención Primaria e Hospitalaria, e sobre os obxectivos do mesmo.


Pose denuncia que o Goberno de Feijoo promete obxectivos que xa veñen explicitamente recollido na Lei, na que constan que os paciente cirúrxicos de prioridade 1, non esperaran mais dun mes; e os de prioridade 2, en 60 días. O portavoz de sanidade advirte que estes principios xa están recollidos na lei desde o 2005, e ironiza “que se propoña como obxectivo o cumprimento da Lei parécenos estupendo”.


Advirte ademais que a Consellería de Sanidade non fixou prioridades na reducción das listas de espera, donde están tódolos pacientes. "O criterio da gravidade é un criterio clínico que os profesionais sempre atenderon antes de que Feijoo e Farjas gobernase en Galicia, por certo aos pacientes cirúrxicos representan un porcentaxe mínimo, entre tódolos pacientes que se atenden nun hospital".


Por iso pregúntalle a Conselleira de Sanidade senón considera graves os pacientes pendentes de intervención cirúrxica de neurocirurxía, xa que se duplicou a súa espera, e senón considera graves tamén aos pacientes pendentes de radioterapia xa que se multiplicou por 3 a súa espera, etc.


Reclamoulle a Feijoo que deixe de disfrazar a realidade sanitaria de Galicia “dedíquese a corrixila e mellorala”, espetoulle. E insistiu nas súas criticas “díganos tamén a que se debe o incremento das listas de espera non publicadas”. Porque non se incrementaron os pacientes de lista de espera non estructural. “Os socialistas –dixo- estamos dacordo con ustedes no referente a que o paciente debe ser o centro do sistema sanitario, pero desgraciadamente hoxe tardan o dobre en ser atendidos que fai un ano”, denunciou.


Modesto Pose advertiu que “esta ben que Farjas se engane a si mesma e ao propio Feijoo, pero non lle imos a consentir e que engane a tódolos galegos”. Por iso advertiu que “a espera para ser atendido na sanidade publica galega incrementouse case nun 40%, nas especialidades mais importantes, corrixan este deterioro e deixen atrás os disfraces e as mentiras co carnaval”, replicoulle.


Por último reclamoulle que non ofenda a intelixencia nin dos profesionais sanitarios, nin dos galegos ca insolencia de que agora atenden primeiro aos doentes mais graves “ou acaso esta acusando aos profesionais de que o ano pasado atendían primeiro aos menos graves”, preguntou. E concluíu “busquen outra cantinela Feijoo que esta non cola”, ironizou.