Censura a emisión dunha nota na que responsabiliza aos directores de centros do seguimento da evolución da alerta meteorolóxica e a toma de decisións ao respecto.
O portavoz de Educación do Grupo Parlamentario dos Socialistas, cualificou hoxe de “literalmente irresponsable” aos conselleiros de Educación e Presidencia por trasladar a responsabilidade diante da alerta meteorolóxica aos equipos directivos dos centros. Así o dixo logo de coñecer a instrución remitida aos centros na que sinala que os directores deben facer seguimento da alerta meteorolóxica e tomar medidas ao respecto.
Meijón anunciou a presentación dunha serie de iniciativas parlamentarias diante desta actuación “totalmente inasumible” da Xunta “está a trasladar ás direccións dos centros responsabilidades que claramente lle competen aos conselleiros de Educación e Presidencia”. Así o dixo logo da nota emitida pola Dirección Xeral de Emerxencia e Interior para os días 24 e 25, que cualificou como “absolutamente rexeitable”.
Esta nota sinala textualmente que “Os equipos directivos dos centros deberán prestar especial seguimento a evolución da presente alerta meteorolóxica (segundo a información actualizada que facilita a páxina web www.112galicia.org). De selo caso, facultase aos directores/as dos centros para que, en atención ás singulares circunstancias meteorolóxicas adversas que poidan concorrer no ámbito territorial do seu centro, adopten as medidas necesarias para minimizar os efectos das mesmas”.
Meijón lembra que os responsables de seguir a evolución da alerta meteorolóxica “son os responsables dos servizos técnicos especializados da Xunta de Galicia”, mentres os conselleiros de Presidencia e de Educación son “os que deben trasladar aos centros correspondentes as instrucións precisas e inequívocas que se deriven do seguimento das condicións climatolóxicas”.
Dixo que “os señores conselleiros Rueda e Vázquez non poden de forma impune trasladar esta responsabilidade ás direccións dos centros educativos, cunha forma de actuar que non se pode consentir”. Engade que “actuacións como esta só poden servir para cualificar literalmente de irresponsables aos políticos que as adoptan”.
O parlamentario socialista lembrou que “os socialistas en ningún caso aproveitamos as condicións meteorolóxicas para tratar de sacar rendibilidade política das consecuencias que delas se poidan derivar”. Sinala que “mesmo nas recentes suspensións das clases, fundamentalmente a causa da neve, este Grupo Parlamentario actuou con lealdade trasladando unha iniciativa ao Parlamento co obxecto de que se zonificara o territorio a nivel deste tipo de alertas”.
O obxectivo era “dar unha resposta máis realista ás distintas circunstancias de cada zona, xa que calquera podía entender que as ameazas de neve na montaña interior luguesa pouco tiñan que ver coas ameazas dos pobos costeiros das Rías Baixas, por poñer un exemplo”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Se non es usuario Google, elixe "anónimo"