Este 28 de setembro, Día de Acción Global por un Aborto Legal, Seguro e
Gratuíto, lamentamos que fai apenas cinco días entrase en vigor a reforma da
Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e de Interrupción Voluntaria do Embarazo que
o Goberno do PP consumou tras unha lexislatura de ameazas sobre a capacidade
das mulleres para decidir sobre a súa propia maternidade
Tras cinco anos en vigor da Lei de Saúde
Sexual e Reprodutiva e de Interrupción Voluntaria do Embarazo, aprobada por un
Goberno socialista en marzo de 2010, demostrouse que era unha boa lei porque
eliminara a inseguridade xurídica tanto das mulleres como dos profesionais
sanitarios e conseguira diminuír o número de embarazos non desexados. A lei
socialista foi aprobada por consenso e cumpría o seu obxectivo: protexer a vida
e a saúde das mulleres, tamén das novas, respectando o seu dereito para
decidir. En 2013, último ano do que se dispoñen de cifras oficiais, rexistrouse
a cifra máis baixa de taxa de aborto dos últimos 7 anos. Especialmente, diminuíra
entre as menores de 30 anos
Con todo, o goberno popular ha eliminado o
artigo polo que as mozas de 16 e 17 anos que estivesen en situación de perigo
certo de violencia intra familiar, ameazas, coaccións, malos tratos ou en
situación de desarraigamento ou desamparo, podían acudir a realizar unha
interrupción voluntaria do embarazo sen os seus proxenitores. Iso significa que
o PP aboca ás mulleres máis novas ao aborto clandestino e inseguro.
Non había ningunha necesidade de modificar
a lei, non había ningunha demanda social. Todo o contrario, a cidadanía dixo
continuamente que non, que non se modificase unha boa lei por intereses
partidistas ou xogos electoralistas. Segundo o estudo realizado en 2014, e no
que participaron 22 clínicas acreditadas para a interrupción do embarazo, tan
só o 0,44 por cento dos abortos realizados en España foron levados a cabo por
mulleres de 16 ó 17 anos que non puideron informar os seus proxenitores polas
razóns que sinalaba a lei.
Este 28 de setembro, o PSdeG-PSOE súmase
ao Día de Acción Global pola despenalización do aborto, reiterando o seu
compromiso de rectificar a modificación da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e
de Interrupción Voluntaria do Embarazo realizada polo PP, para volver ao texto
legal aprobado en 2010, en canto chegue ao goberno porque as leis restritivas
non diminúen o número de abortos. A obrigación de todo goberno é protexer a
vida e a saúde das mulleres e previr os embarazos non desexados con máis
prevención, máis educación e acceso a métodos anticonceptivos, exactamente o
contrario do que fixo o Partido Popular durante toda a lexislatura. O
PSdeG-PSOE sempre vai estar a favor das mulleres, de todas as mulleres e
especialmente das mulleres novas que se atopen en situación de vulnerabilidade.
Conmemoramos este 28 de setembro de 2015
polo respecto á vida e a saúde das mulleres e sumámonos á campaña internacional
que reclama romper mitos, o acceso ao aborto legal e seguro en todo o mundo e
un aborto sen estigma.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Se non es usuario Google, elixe "anónimo"