Publicado o 20 de Setembro, 2012 por Domingo Tabuyo
Hai días malos. Momentos difíciles de dixerir porque conteñen o amargor e as espiñas de situacións que, por moito que as saibamos, sempre nos caen como un mazazo, coa crueldade de impoñerse sen aviso. Hai noticias que fan pecharse os días e deixan a alma rota, desorientada, perdida…
A morte sempre nos colle desprevenidos. Sempre nos quita osixeno e durante uns intres, non acertamos a respirar. E máis cando por cercanía, por afecto inmenso e respeto compartido, contaminamos a memoria coa emoción que todo o salpica.
Pero non son palabras tan só dende a amizade, senon dende a xustiza, por telas gañado a pulso en moitas ocasións onde, man a man bebemos a copa áceda dos malos momentos, na soidade dos días sen celebracións, dos tempos de néboa e friaxe que tamén compartimos.
Marchou Rafa. Non un político, un funcionario público, un afeccionado ás motos vellas…non. Marchou un amigo, un home cargado de optimismo e positividade, que compartíu con nós traballos, esforzos, decepcións e alegrías, e que soubo estar á altura do que, cada situación en cada capítulo da vida, lle esixía. Un home que amou Cambados como só os que renuncian ao propio saben facelo e coa xenerosidade dos que queren ser semente nesta terra.
Agradezo ao destino que nos dera tempo e oportunidade para terte coñecido e disfrutado. Hoxe, dende a anguria e a ferida, queremos envolver en afectos a Rosi e a Lucía, a todos os que con él foron a súa verdade, o seu credo e a súa esperanza. Que a terra che sexa leve amigo Rafa, compañeiro, para sempre.
jueves, 20 de septiembre de 2012
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Se non es usuario Google, elixe "anónimo"