lunes, 30 de enero de 2012

Representantes do PSdeG apoiaron a cooperación municipalista no Encontro co Fondo, o 28 de xaneiro no Parlamento de Galicia



Diferentes cargos do PSdeG-PSOE participaron o sábado 28 de xaneiro no Encontro 'Institucións locais e solidariedade', que se celebrou a partir das 10.30 horas no Parlamento de Galicia. A xuntanzas estaba dirixida principalmente ás e aos representantes políticos das Deputacións e Concellos socios do Fondo Galego, co fin de consolidar o seu compromiso coa cooperación para o desenvolvemento.

O secretario de organización do PSdeG, Pablo García, abreu a xornada canda a vicepresidenta do Fondo Galego e concelleira en Vigo, Isaura Abelairas, e mais a portavoz socialista de Igualdade e Cooperación no Parlamento de Galicia, Carmen Cajide. Interviu logo a ex deputada con amplo percorrido en cooperación Margarita Pérez Herráiz, e relatou as súas experiencias neste eido representantes dos Concellos de Lugo, O Barco de Valdeorras, Viveiro e Pontecesures. Ademais da Secretaría Técnica do Fondo Galego, houbo oco para a Coordinadora Galega de ONGD e para a ONG nicaraguana INPRHU-Somoto.

Tamén participou a escritora e xornalista María Xosé Porteiro, integrante do Consello Reitor do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), que achegou o enfoque de xénero. Antes das conclusións, falou sobre 'Os efectos da crise na cooperación para o desenvolvemento' a deputada no Parlamento galego, Carmen Cajide.

Os Encontros 'Institucións locais e solidariedade' enmárcanse no Plan de Sensibilización do Fondo Galego, como unha fórmula de diálogo cos tres partidos políticos maioritarios en Galicia, piares do proceso de nacemento e consolidación da propia entidade. Tras o cambio de lexislatura municipal, preténdese reflexionar sobre o compromiso das institucións locais coa solidariedade e muscular a implicación dos partidos políticos co Fondo Galego de Cooperación, despois de quince anos de andaina.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Se non es usuario Google, elixe "anónimo"