Beatriz Sestayo alerta dun recorte do 80 por cento nas prestacións para os servizos sociais dos concellos
Critica que Feijóo anuncie un incremento das Pensións Non Contributivas cando “a realidade é que diminúen 500.000 euros”
A portavoz de Servizos Sociais do Grupo Socialista, Beatriz Sestayo, denunciou hoxe que o PP “quere privatizar a felicidade” facendo desaparecer paulatinamente o Plan Concertado para a prestación de Servizos Sociais a través dos concellos. Así o dixo no debate dunha Proposición non de Lei socialista para recuperar estas partidas que foi rexeitada polo PP.
Sestayo criticou que mentres a conselleira de Benestar promete que “non haberá recortes e en ningún caso afectarán á asistencia domiciliaria” e mesmo comprometía o pago por adiantado, a realidade é que o pasado luns os concellos “sufriron un recorte do 80 por cento no Plan Concertado” de transferencias da Xunta para a prestación de servizos sociais.
Sestayo puxo exemplos destes recortes drásticos na cidade de Pontevedra –de 222.000 a 25.000 euros, o 85 por cento-, o Consorcio de Ordes –de 90.000 a 9.000-, Amoeiro –de 17.100 a 1.083, o 93 por cento-, Vilamartín –de 10.600 a 720 euros, un 93 por cento menos-, Parada de Sil –de 13.500 a 1.800-, Coles –de 21.700 a 2.600-, Vilaboa –de 11.719 a 1.760- e Betanzos –de 31.252 a 4.121-.
Acusou ao PP de “deixar de lado, abandoados” a centos de persoas dependentes en “situación tráxica” que precisan da axuda pública e apelou á súa “conciencia” e á “obriga legal, moral, constitucional e estatutaria” para prestar estas axudas.
Lamentou que a resposta da Xunta teña sido facer desaparecer programas de axuda ao desenvolvemento do pobo xitano, aos emigrantes, de envellecemento activo, prevención da violencia nas aulas, os centros de protección e atención a afectados polo VIH-Sida, mentres reducen os programas de axuda ao fogar, as oficinas de inclusión social ou os programas de axuda a persoas sen teito.
Deputación de Ourense
A parlamentaria socialista reclamou que “deixen de mentir sempre”, como fixo o presidente da Xunta na sesión de control de hoxe, na que anunciou un incremento nas pensións non contributivas cando “a realidade é que nos orzamentos de 2012 diminúen en 500.000 euros”. Instounos a “seguir o exemplo da Deputación de Ourense”, que aprobou por unanimidade esixirlle á Xunta que restableza as axudas.
A moción socialista aprobada na Deputación de Ourense determina “que non se leve a cabo nin un só recorte en servizos sociais e que tódalas axudas se restablezan tal e como estaban o ano pasado”. Esta iniciativa salientaba o “brutal recorte” que “amosa a verdadeira faciana da dereita” e acusa a Feijóo de “atacar aos máis débiles”.
Santiago de Compostela, 03 de novembro de 11.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Se non es usuario Google, elixe "anónimo"